Pesquisar neste blogue

Grumetes que pasan por aquí

Os últimos comentarios

To Do List 2007: Resolución

Alá por comezos de maio, publicara neste blog unha entrada na que enumeraba cousas que gostaría de facer no 2007. Hoxe, derradeiro día do ano, é hora de botar a vista cara atrás e ollar que fixen e que non.

Estudos:

- Aprobar primeiro de filoloxía inglesa limpo.
Quedoume unha, e estou pendente da nota doutra, que eu creo que debería estar aprobada.

- Bota-la solicitude para a beca Séneca.
Nada. Espero botala a comezos deste ano, que sae de novo a convocatoria.

- Saca-lo carné de conducir.
Nada de nada.

- Aprender català a un nivel medio.
Nada. As mesmas catro palabras de sempre.

Concertos e música:

- Ir ver a Héroes del Silencio a Zaragoza.
Feito! En outubro nun marabilloso concerto na Romareda.

- Ir ver a Arctic Monkeys a Vigo.
Nada. Cando lembrei o concerto, xa pasara.

- Ir a Razzmatazz.
Nada.

Películas:

- Ver Blade Runner.
Nada. Porén, a teño baixada e lista para vela en canto atope un pouco de tempo.

- Ver as tres partes de The Godfather.
Nada. Mais xa están na lista de descargas do emule.

Política:

- Afiliarme ó BNG definitivamente.
Nada. E dubido que ao final o faga.

- Implicarme máis nos CAF.
Nada de nada. A miña mesma pasividade de sempre.

Ocio e viaxes:

- Voltar a Barcelona.
Nada.

- Voltar a Madrid.
Nada.

- Ir a Portugal.
Feito! Fun a Oporto no verán deste ano unha fin de semana.

- Voltar a un GP de Fórmula 1.
Nada. A ver se vou ao GP de Europa en Valencia en agosto do 2008.

- Voltar a xogar ó baloncesto en competicións.
Nada, mais non porque non me faltaran ganas.

- Saír unha semana polo menos de vacacións no verán fóra d'A Coruña.
Nada. Só un par de findes soltos, mais non unha semana completa.

Saúde:

- Coller forma física.
Non.

- Adelgazar.
Non moito, mais uns gramos si que adelgacei.

- Deixar de fumar.
Nada. Mais xa sei cando o vou facer.

- Beber menos nos sabados.
Feito! Nos botellóns deixei o whisky, e paseime ao mocho.

Outros:

- Convencer ós meus pais para que me deixen o coche.
Nada. É o que ten non ter carnet de conducir....

- Traballar en verán noutra cidade.
Nada.

- Remata-lo libro.
Nada. Hai uns capítulos dispersos neste blog, case deberiamos falar no 2008 de comezalo...

- Gañar un concurso do que sexa.
Nada. A sorte non é o meu.

Conclusión: Nunca se fai o que se quere na vida, xa sexa por preguiza, porque ao final te botas atrás ou porque aparecen factores esternos que cho impiden. Triste, non é?

Nas vindeiras datas, a To Do List 2008.

Nova computadora

Semella que algo non quere que actualice o blog, porque cando estaba a coller o ritmo, vai a computadora e se escaralla.... Onte xa merquei un novo, así que xa voltamos a publicar entradas.... Ou polo menos iso agardo.

Odio

O odio é un raio reflectido polo espello de cada conciencia individual ata que a forza de rebotar en mil espellos compón unha estraña luminosidade colectiva. Nese momento auroral non se ve máis luz ca esa luz. A partir dese instante todo conclúe ou todo nace. Non doutro xeito se gañan as batallas, menos aínda as guerras. O odio peta primeiro nunha conciencia, bate primeiro contra ela, antes de o facer noutra, rebota acto seguido e vai parar a outra máis, e desta a outra, e así ata que se entretece cohesionando as vontades, grazas a non se sabe que invisible fío. Ese fío é a aceirada luz das conciencias enfrontadas, a rede que todo o envolve é esa luz que, coma a do día, comeza e remata sendo crupuscular, reveladora da cerna da nosa conciencia humana.

O odio é o gran motor da historia. Ningún xeneral arenga ás súas tropas convocándoas ao amor fraterno. Iso fano os sacerdotes nas igrexas. E non sempre. Cando o fan, falan sabendo que teñen diante un público esencialmente composto por mulleres. Nese momento e aínda noutros, están convencidos de que lles deben que represar os sentimentos, porque se se lles desbocan pode ter lugar calquera traxedia. Ese e non outro é o raio que non cesa.

A Coruña en fotos

Quizáis A Coruña non sexa o mellor sitio onde pasar unha vida, pero para pasar unhas vacacións é un dos mellores lugares que coñezo (malia que non coñezo tantos). Ten de todo, desde o único faro romano en funcionamento, até arquitectura representativa das correntes actuais, pasando por unha colexiata do ano 1150, prazas que levan tanto tempo que nin se sabe de onde lles vén o nome, un castelo en plena cidade ou galerías de 4 pisos do século XVIII que forman o maior conxunto acristalado do mundo, non en van nos chaman A Cidade de Cristal.

E isto só por mencionar o máis coñecido. Abofé que hai outras marabillas escondidas, ora que xamáis pensarías que poderías ser vistas dese modo, ora que nin as coñezas.

E eu non me decatei delo até onte, vendo varios fotologs que atopei por unha bendita casualidade. Vou mencionar dous. O primeiro deles, cidadecoruna, amósanos a urbe desde un punto de vista máis artístico que arquitéctonico, cun toque romántico que chega a emocionar, e con algunhas fotos, que para min, son de moitísima calidade (que fique en acta que eu de fotografía sei máis ben pouco, por non dicir nada). O segundo é cruniacity, que é precisamente todo o contrario. Enfocado na arquitectura e no deseño urbanístico da cidade, este fotolog amósanola como é fóra do feísmo que ás veces fai acto de presenza, unha mistura de modernidade e tradición.

Para rematar, o bonus track: brigantium, un fotolog con fotos antigas da cidade, que nos amosa que non só para o home pasa o tempo.

Merda de cidade

A Coruña, cidade con duopolio en salas de cinema. Despois, pasa o que pasa: A Coruña, segunda cidade máis cara para ir ao cinema, após Barcelona. E eu engado: e subindo.

Temos dous multicines de merda, en que só se poñen filmes comerciais taquilleiros, un de cando en vez en galego, e con precios exhorbitados tendo en conta o resto de prezos desta cidade, e o nivel dos soldos. E botáranlle á culpa ao emule e ao torrent.

Merda de cidade, cona.

Trocos

Como podedes ver, fixen uns grandes trocos ao blog hoxe. O que máis resalta é o novo template, pero non é o único: embaixo á dereita podedes ver os últimos comentarios posteados neste blog (que supoño que se actualizará moi de cando en vez, visto o número de xente que postea por aquí), e á esquerda podedes ver un pequeno extracto das miñas fotos de Flickr, que polo momento son moi pouquiñas, mais irei engadindo co tempo.

Por que estes trocos, e por que agora? Por unha simple razón, apetecíame. Pero alén diso, sei que nos últimos tempos, este blog estivo moi abandoado, con só unha ou dúas entradas ao mes. Un pouco por preguiza, outro por desidia, e outro por non saber que escribir, non actualicei o que me gustaría. Quizáis con este troco recupere a ilusión polo blog, que agora mesmo non sei onde está.

 
ir arriba