Pesquisar neste blogue

Grumetes que pasan por aquí

Os últimos comentarios

Mostrar mensagens com a etiqueta Os meus relatos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Os meus relatos. Mostrar todas as mensagens

Capítulo 2.2

Alberte nunca fora un neno modelo. Dende que naceu, tras 17 horas de parto, deu problemas. Era intelixente e vivaracho, mais nunca amosou un interés constante por nada, o que lle levou a unha vida chea de psicólogos e tratamentos. Porén, el non era mala persoa. Simplemente, atopábase descolocado.

Un día calqueira, nunha desas sesións interminábeis, cun dos seus inumerábeis doutores, deu unha definición de sí mesmo bastante axeitada: "Nacín demasiado mozo para ver aos Beatles. Nacín demasiado mozo para Woodstock. Nacín demasiado mozo para probar a coca de Studio 54. Nacín demasiado mozo para ver a caída do muro de Berlín. Nacín demasiado mozo para ver a explosión de Internet. Que acontecimento teño eu como referente? Cal foi o impacto cultural da miña xeración? Nacimos alienados pola sociedade, ofuscados por visións comerciais, presionados por un modo de vida no que non se permite cometer erros. Na puta cultura occidental, todos sen excepción procuramos atopar un sentimento, xa sexa noso ou cara nós, que nos faga sentir especiais e poida alonxarnos de toda a merda que nos rodea. Algúns o atopan no amor, outros nas obras sociais e outros no alcohol ou nas drogas. Mais cando son eu quen está a o procurar, chámanlle enfermidade. E únicamente porque eu fun, e aínda son, consciente do que tento atopar."

E efectivamente, os doutores que lle trataban non vían procura tal. Vían un pai alcoholico, unha famila esnaquizada, e un coma que durou 15 anos. Só podían ver a un rapaz de 25 anos que pasou só máis da mitade da súa vida.

Capítulo 2.1

Espertouse.

Mirou á esquerda e á dereita desconcertada. O último que lembraba era estaren a cruzar pola mitade da estrada que está na fronte da estación de autobuses. Porén, agora estaba nun sitio moi diferente, pintado de branco, tumbada nunha cama.

Chegou un doutor, o alomenos alguén que tiña pinta dun. Preguntoulle que que tal se atopaba. Xusto nese momento, un súor frío recorreulle as costas. Estaba nun hospital. Contestoulle que un pouco aturdida, pero ben. Doíalle algo a cabeza, pero nada grave.

- Que me pasou? Onde estou? - preguntou.

- Atropellouna unha moto, e a súa cabeza impactou coa estrada. Troxéronte ó Juan Canalejo, e che diagnosticamos un traumatismo cráneo-encefálico -dicía o médico mentres ollaba a historia médica, facendo que estouparan unhas veíñas no teu cerebro e entraras en coma. Críamos que non ías saír desta.

- E canto levo en coma?

Adiviñábase o sentimento de mágoa na mirada do médico. Para ela só fora un segundo, pero para o resto do mundo xa pasaran preto de 15 anos dende aquela fatídica data. Angustiouse. Nese momento, ela non se decatara do que significaban eses 15 anos. Cambios sociais e políticos, cambios de mentalidade... Porén, ela só pensaba nunha cousa, só pensaba na soidade na que se atopaba.

Na súa vida anterior, ela era unha ama de casa normal. Alomenos, de portas cara dentro. Non traballaba fóra da casa, mais as tarefas cotiás deixábana mallada sempre. Ocuparse do seu fillo, que agora tería uns 25 anos, e fregar, limpar, ir ó supermercado e todas esas “pequenas minucias” que soen face-las amas de casa chegánbanlle dabondo. No que á vida sentimental se refire, ficaba soa. Estivo casada, mais o marido era un verdadeiro cabrón ó que prefería non lembrar, e do que se divorciou ós 7 anos da voda.

O médico marchou da habitación, e ela afundiuse máis nos seus pensamentos.

Fadas

Un día calqueira a unha hora calqueira. Dúas persoas falan.

- Non hai día no que non a estrañe.
- Normal.
- Non hai día no que non soñe que a estou a bicar.
- Normal.
- Cres que o farei algún día?
- Seguro.
- Cedo?
- Dubídoo.

A primeira persoa márchase con cara de tristura. Colle un lapis e un papel, e ponse a escribir.

"Media mañá nunha estación calqueira dunha cidade calqueira. Estaba canso, após moito tempo agardando por un tren que semellaba que nunca ía chegar. Abría e pechaba nerviosamente o libro que me acompañaba, acendía e apagaba a música que soaba nas miñas orellas compulsivamente. Fumaba cigarros e cigarros, andaba sen rumbo fixo. O café era unha constante no seu corpo neses momentos.

Acercábase a hora. Estaba tenso, moi tenso. Non sabía que me ía atopar, nin como ía reaccionar. Cinco minutos. Andaba nervioso en dirección ó andén.

Asexaba o horizonte, a ver se vía ese mastodonte de ferro. Apareceu, e comecei a tremer. A xente comezou a baixar, e de repente, apareceu cun amigo. Vaporosa, esplendorosa, leda, cun sorriso na cara. Bela, como só ela o pode ser. Miroume. Mireina de novo.

Acercouse a min e bicoume nos beizos lixeiramente. Sabía a fresa. O bico máis doce que me deran na miña vida.

Decateime de que unha fada bicárame."

Minisaga: She

Isto é unha o que a profesora de inglés chama unha minisaga, un pequeno relato dunhas 50 palabras que tiven que presentarlle hoxe. Gustoume como quedou.

She was walking downstairs dressed in a blood colour, looking like a fairy tale princess. Here eyes were looking straight at me, making butterflies in my stomach appear. I couldn't take my eyes off of her. She was trying to get closer to me, but an invisible screen was avoiding it.

I opened my eyes again. I was suffering a heart attack.

Poema dos tres tristes tigres

Tres tristes tigres
comen trigo nun trigal,
o deserto lles rodea,
o trigo se lles vai rematar.

Non hai ren para comer,
non hai ren para beber,
o tempo se lles esgota,
os tres terán que emigrar.

Embárcanse nunha pateira,
comezan a navegar,
as ondas mécenos na auga,
e acaban nadando no mar.

Tentaron nadar até Europa,
porén, morreron de frío,
perseguindo o doce soño
de ter algunha esperanza.

Agora os tres tristes tigres,
xacen no fondo do mar,
só foron tres inmigrantes,
eran pobres, que máis da?


Capítulo 1

Chovía.

O autobús estaba a achegarse á cidade pola estrada que viña de Arteixo. Era un autobús vello, de cor azul escuro, relativamente cheo de xente. Unha muller miraba pola fiestra, cavilante, con cara de preocupación e coa lúa reflectíndose nos seus ollos verdes. Un leve zumbido distraeulle dos seus pensamentos.

-Xa estou chegando. Vémonos na estación, vale?

Após uns intres, o bus aparcaba no andén 6. Del baixou a nosa muller, que roldaba os corenta, pero aínda atraía as olladas dos homes. Ela non o entendía, pois nin tiña un culo firme nin uns peitos turxentes, pero a súa cariña de anxo dáballe un morbo que non sabía que tiña. Os seus ollos recorrían a dársena de chegadas, tentando procurar un rostro familiar, que non conseguía atopar. Comezou a andar, impaciente, pero non estaba alí. Outro zumbido, esta vez unha mensaxe: "Stou na porta do Krte Inglés. Ven aki, sperot. 1bso".

Dirixiuse cara alí, pero non atopou un paso de peóns. Comezou a cruzar polo medio da rúa, aproveitando que o semáforo dos coches estaba en vermello. Pero cando mirou á esquerda, unha moto a grande velocidade ía cara ela, sen tempo para reaccionar.

Sete metros

Apareces. Miro. Suspiro.
7m
Vento.Ola!Fermosura.Corazón.


Qué tal? Ben. Miro.
6m
Sorpresa. Nome. Outro nome.

Ollos. Cidade. Outra cidade.
5m
Palabra. Bolboreta.

Cabelo. Cabalo.
4m
Cine. Sorriso.

Mirada.
3m
Risa. Manos.

Frechazo.
2m
Frechazo.

Beizos

0m

Tres minutos

Tres días pasaran dende que chegou a túa carta. Lina. Xa ningúen daba un duro porque deras sinais de vida, pero aínda existías.

Tres meses pasaran dende que chegou a túa carta. Lina. Xa ningúen daba un duro porque deras sinais de vida, pero aínda existías.

Tres anos pasaran dende que chegou a túa carta. Lina. Xa ningúen daba un duro porque deras sinais de vida, pero aínda existías.

O meu corazón mo dicía, a miña testa mo dicía, os meus sentimentos mo dicían.

Tres días e tres minutos pasaran dende que chegou a túa carta. Xa ningúen daba un duro porque deras sinais de vida.

Tres meses e tres minutos pasaran dende que chegou a túa carta. Xa ningúen daba un duro porque deras sinais de vida.

Tres anos e tres minutos pasaran dende que chegou a túa carta. Xa ningúen daba un duro porque deras sinais de vida.

 
ir arriba