Pesquisar neste blogue

Grumetes que pasan por aquí

Os últimos comentarios

Mostrar mensagens com a etiqueta Galiza. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Galiza. Mostrar todas as mensagens

Os trens da Galiza

Leo en El Correo Gallego que hai un tren que une Galiza con Barcelona que leva 43 anos en servizo, en concreto dende 1964. En concreto é un Talgo III como o da fotografía, que xa se ve moi vello como podedes ver, que vai dende a Estación de San Cristóbal n'A Coruña e dende a estación de Vigo até Barcelona-Sants.

O artigo tamén fala doutras liñas que teñen máis de 30 anos, como a que une Vigo con León, e outras tamén moi antigas, como a que leva d'A Coruña a Monforte.

A estas alturas, isto é algo ó que xa estamos acostumados. Os trens son só a punta de lanza do atraso nas infraestruturas galegas, con estradas de fai moitísimo tempo, liñas de tren non renovadas dende os tempos de Mari Castaña, accesos ás cidades insuficientes e moitísimas cousas máis que agora deixo no tinteiro. Xa non nos sorprende nada sobor este tipo de cousas.

E o peor é, que cando o Goberno galego anuncia que se van renovar todos estes trens, España dí que nanai. Pois moi ben.

PP e o Che

Hai un pequeno pobo en Lugo, chamado A Pastoriza, no que até este domingo, estaba a goberna-lo PP con maioría absoluta.

O PP, partido liberal no económico e conservador no social, supónse que é todo o contrario ó que era o comunismo do Che. Porén, semella que os responsábeis dese partido nesa vila non o deben ter moi claro, porque resulta que están a utiliza-la efixie e as frase do Che Guevara para face-la súa campaña electoral. En concreto, nesta foto que puxen á esquerda pódese ver unha das camisetas que están a repartir coa efixie do revolucionario, baseada nunha especie de escultura que está na fronte do Ministerio do Interior de Cuba n'A Habana, que a súa vez está baseada na famosísima foto de Alberto Korda, e que logo sería amañada por Jim Fitzpatrick dándolle o branco e negro da foto que hoxe coñecemos.

O PP xa está robando símbolos de novo, a novidade agora é que chegan á incongruencia. Qué vergoña.

25 de maio

Por se non nos chegaba, o 25 de maio, no que se celebran o Día da Toalla na honra do libro The Hitchhiker's Guide to the Galaxy, de Douglas Adamas; e o Día do Orgullo Friki, resulta que a partires deste ano tamén é o Día do Orgullo Lusista e Reintegrata (sic).

Algún día escribirei por aquí a miña opinión sobor o reitegracionismo, pero xa adianto que non é a miña opción preferida para afastar o galego do castelán. Aínda así, semella que con esta festa que acaban de tirar do peto da chaqueta, non van conseguir moito.

Pois iso, que feliz Día do Orgullo Lusista e Reintegrata para o que sexa algunha das dúas.

Día das Letras Galegas

Hoxe é 17 de maio, Día das Letras Galegas. Este ano está adicado a María Mariño, poetisa noiense.

Realmente sábese moi pouco da súa obra, xa que a meirande parte está perdida, o que é unha mágoa. Se non fora por Uxío Novoneyra, nin a coñeceríamos.

Velaquí a miña pequena homenaxe:



De forte ollar, amiga,
de frio que non se quenta,
Amiga, que eres de todos
e por ninguén esquencida.

Soia co teu silencio
na forza do teu poder,
un por un de cada ser
levas do fin ó comenzo,
descansar a túa fonte.

Especial sobor Zeca Afonso

Leo en Cultura Galega que a TVG e a RTP portuguesa van gravar en Pontevedra un especial sobor Zeca Afonso esta noite, que se emitirá o vindeiro día 25 de Abril coincidindo co 33 aniversario da Revolução dos Cravos portuguesa. Lembremos que Zeca Afonso foi o autor de Grândola, Vila Morena, canción da que xa falara neste blog e que serviu para dar comezo a esta revolución.

Coido que é a primeira vez que se emite algo de xeito simultáneo nas canles públicas dos dous países, así que semella que paseniño vanse estretando lazos. Ogallá dense máis inciativas deste tipo.

O lapis do carpinteiro

Onte, ante a imposibilidade de durmir, tocou sesión de cinema nocturno. Dous foron as películas que vín: Ulises, aquela versión clásica protagonizada por Kirk Douglas en 1954, e O lapis do carpinteiro, dirixida por Antón Reixa no 2002 e baseada na novela homónima de Manuel Rivas.

Da primeira, non moito que dicir salvo reseña-la face de parvo que se lle queda a Kirk cando lle botan as maldicións no templo de Troya.

Pero a segunda, encantoume. Unha boa historia ben levada á pantalla grande, os actores ben, cun Luís Tosar na súa liña. E logo, está o punto extra das localizacións, xa que é a única película, que eu saiba, na que sae a zona da miña casa, e iso sempre fai ilusión. Ademáis, tiven a oportunidade de vela en galego, outra cousa bastante rara. En definitiva, recoméndolla a todo o mundo.

Illa de Sálvora

Paréceme incrible o que están a facer coa Illa de Sálvora, que é a que está na foto (sacada da Wikipedia) que acompaña a ista entrada.

A Illa de Sálvora é unha pequeno trozo de terra sito na Ría de Arousa, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, é dicir, que é unha zona de importante interese ecolóxico e como tal, debe ser protexido. Agora, o debate está en quen debe se-la entidade encargada da súa protección.

I é que esta illa foi recentemente mercada por Caixa Galicia de mans do Marqués de Revilla, por 8.5 millóns de euros, para facer nela proxectos de investigación, reconstrucción do núcleo de poboación, ou proxectos de ocio. O problema é... Até que punto unha entidade privada debe ocuparse do mantemento dela? Non sería mellor que estivera en mans da Xunta? É ético sacar proveito empresarial da illa? Por outro lado, as Caixas de Aforros naceron cunha función social que a maior parte das veces cumpren á perfección, ou case. Pero, pode considerarse este caso como labor social? E, é esta unha das consecuencias do modelo neoliberal no que estamos a vivir?

Na miña opinión, este tipo de propiedades deben ser sempre da Xunta, xa sea por venda ou por expropiación. Non hai ninguén mellor que o Goberno para coidar dos intereses galegos, sexan do que sexan. As empresas, fór cal fór, ó final só teñen un obxectivo, os cartos.


Eu .gal

Seguindo o exemplo de Catalunya co seu Puntcat, tamén xurdiu na Galiza unha iniciativa para acadar un dominio única e exclusivamente galego, para satisface-las necesidades culturais e lingüísticas que o noso país ten.

A coordinación do proxecto lévaa a Asocación PuntoGal, formada en xuño de 2006 por entidades provadas e particulares.

Dende aquí, quero aporta-lo meu graíño de area para tenta-la consecución do dominio con esta entrada, co báner que aparece embaixo á esquerda, e asinando aquí.

Detrás de nós, ven a Asociación PuntuLli, que reivindica o dominio .lli para o País Llïonés. E detrás, o caso vasco, aínda que o teñen aínda máis compricado.

Os cataláns tardaron 5 anos en conseguilo, conseguirémolo nós antes do 2011 ou non seremos quenes de acadalo?

Nova canción galega

Preguntábame polo mésenller fai uns días Andreu, unha amizade de Barcelona, por grupos de música galegos. Despois de responderlle os tipicos que sempre se citan nestes casos (Siniestro Total, Os Diplomáticos de Montealto, Heredeiros da Crus), ou sexa, o rock bravú que nos 90 soaba por toda Galiza grazas a aquelas marabillosas tardes que o Xabarín Club dáballe ós daquela nenos coma mín, e algún outros grupos menos coñecidos como Skarnio ou Skacha, Andreu inquiriume sobre a existencia dun movemento da música de cantautor galega. Tonto de mín, dixenlle que non houbo aquí algo semellante ós Lluís Llach, Raimon, Serrat e compaña.

Nembargantes, pensando no tema, estranoume que na Galiza non surxira un movemento deste tipo, tendo en conta o tiron popular da música social e reivindicativa de cantautor que había entón. E estranoume tanto que me puxen a buscar no gúgel a ver se atopaba algo.

E así foi, atopeime coa Nova Canción Galega, que tivo o seu momento de esplendor entre 1967 e 1974, representado sobre todo no colectivo Voces Ceibes, do que estivo bastante preto ese grandioso poeta galego que é Manuel María. Xente como Miro Casabella, que publicou o seu último disco no 2004, ou Benedicto, que aínda ten un blog que por certo é bastante bó, contribuíron a esa música de autor galega que acabo de descubrir. Teño moito por aprender desta e aínda máis por devorar, pero as tres primeiras cancións que ouvín destes dous autores encantáronme.

Deixovos unha canción de Benedicto, titulada Os Compañeiros:



E a letra dunha canción de Miro Casabella publicada no seu disco Orvallo, de 2004, e titulada The Prestige:

Virxenciña de Muxía
ficou enchida de merda
ben poidera ser de ouro
si a virxenciña quixera.
Si a virxenciña quixera
ai la le lo ai la la lo,
Nin para ben
nin para mal
non o queremos no noso chan
nin para ben
nin para mal
non o queremos NUNCA MÁIS

Personaxes de prestige
veñen visitar Galicia
son os mesmos que nos trouxeron
a pobreza e a inmundicia.
A pobreza e a inmundicia
ai la le lo ai la la lo.
Nin para ben...

Non has de esquecer Galicia
tanta ofensa e tanto engano
tanta burla e tanta morte
tanta rabia e tanto dano.
ai la le lo ai la la lo.
Nin para ben...

Prepáranse grandes medios
Para combater a negrura
Voluntarios e mariñeiros
Corazón, enxeño e bravura
Corazón, enxeño e bravura
ai la le lo ai la la lo.
Nin para ben...

A xuventude da morte
vaise pra as illas Canarias
traballar lonxe da terriña
por culpiña duns canaias.
ai la le lo ai la la lo.
Nin para ben...

Dicen que van poñer
Un ave que corre moito
Para ficaren na nosa terra
Paxariños quero dos outros.
Paxariños quero dos outros
ai la le lo ai la la lo.
Nin para ben
nin para mal
non o queremos no noso chan
nin para ben
nin para mal
non o queremos NUNCA MÁIS.

 
ir arriba