Pesquisar neste blogue

Grumetes que pasan por aquí

Os últimos comentarios

A Coruña en fotos

Quizáis A Coruña non sexa o mellor sitio onde pasar unha vida, pero para pasar unhas vacacións é un dos mellores lugares que coñezo (malia que non coñezo tantos). Ten de todo, desde o único faro romano en funcionamento, até arquitectura representativa das correntes actuais, pasando por unha colexiata do ano 1150, prazas que levan tanto tempo que nin se sabe de onde lles vén o nome, un castelo en plena cidade ou galerías de 4 pisos do século XVIII que forman o maior conxunto acristalado do mundo, non en van nos chaman A Cidade de Cristal.

E isto só por mencionar o máis coñecido. Abofé que hai outras marabillas escondidas, ora que xamáis pensarías que poderías ser vistas dese modo, ora que nin as coñezas.

E eu non me decatei delo até onte, vendo varios fotologs que atopei por unha bendita casualidade. Vou mencionar dous. O primeiro deles, cidadecoruna, amósanos a urbe desde un punto de vista máis artístico que arquitéctonico, cun toque romántico que chega a emocionar, e con algunhas fotos, que para min, son de moitísima calidade (que fique en acta que eu de fotografía sei máis ben pouco, por non dicir nada). O segundo é cruniacity, que é precisamente todo o contrario. Enfocado na arquitectura e no deseño urbanístico da cidade, este fotolog amósanola como é fóra do feísmo que ás veces fai acto de presenza, unha mistura de modernidade e tradición.

Para rematar, o bonus track: brigantium, un fotolog con fotos antigas da cidade, que nos amosa que non só para o home pasa o tempo.

Merda de cidade

A Coruña, cidade con duopolio en salas de cinema. Despois, pasa o que pasa: A Coruña, segunda cidade máis cara para ir ao cinema, após Barcelona. E eu engado: e subindo.

Temos dous multicines de merda, en que só se poñen filmes comerciais taquilleiros, un de cando en vez en galego, e con precios exhorbitados tendo en conta o resto de prezos desta cidade, e o nivel dos soldos. E botáranlle á culpa ao emule e ao torrent.

Merda de cidade, cona.

Trocos

Como podedes ver, fixen uns grandes trocos ao blog hoxe. O que máis resalta é o novo template, pero non é o único: embaixo á dereita podedes ver os últimos comentarios posteados neste blog (que supoño que se actualizará moi de cando en vez, visto o número de xente que postea por aquí), e á esquerda podedes ver un pequeno extracto das miñas fotos de Flickr, que polo momento son moi pouquiñas, mais irei engadindo co tempo.

Por que estes trocos, e por que agora? Por unha simple razón, apetecíame. Pero alén diso, sei que nos últimos tempos, este blog estivo moi abandoado, con só unha ou dúas entradas ao mes. Un pouco por preguiza, outro por desidia, e outro por non saber que escribir, non actualicei o que me gustaría. Quizáis con este troco recupere a ilusión polo blog, que agora mesmo non sei onde está.

Patria

"Se cativa é a Patria, un grande a soña"

Ruben Darío, El canto errante.

Capítulo 2.2

Alberte nunca fora un neno modelo. Dende que naceu, tras 17 horas de parto, deu problemas. Era intelixente e vivaracho, mais nunca amosou un interés constante por nada, o que lle levou a unha vida chea de psicólogos e tratamentos. Porén, el non era mala persoa. Simplemente, atopábase descolocado.

Un día calqueira, nunha desas sesións interminábeis, cun dos seus inumerábeis doutores, deu unha definición de sí mesmo bastante axeitada: "Nacín demasiado mozo para ver aos Beatles. Nacín demasiado mozo para Woodstock. Nacín demasiado mozo para probar a coca de Studio 54. Nacín demasiado mozo para ver a caída do muro de Berlín. Nacín demasiado mozo para ver a explosión de Internet. Que acontecimento teño eu como referente? Cal foi o impacto cultural da miña xeración? Nacimos alienados pola sociedade, ofuscados por visións comerciais, presionados por un modo de vida no que non se permite cometer erros. Na puta cultura occidental, todos sen excepción procuramos atopar un sentimento, xa sexa noso ou cara nós, que nos faga sentir especiais e poida alonxarnos de toda a merda que nos rodea. Algúns o atopan no amor, outros nas obras sociais e outros no alcohol ou nas drogas. Mais cando son eu quen está a o procurar, chámanlle enfermidade. E únicamente porque eu fun, e aínda son, consciente do que tento atopar."

E efectivamente, os doutores que lle trataban non vían procura tal. Vían un pai alcoholico, unha famila esnaquizada, e un coma que durou 15 anos. Só podían ver a un rapaz de 25 anos que pasou só máis da mitade da súa vida.

 
ir arriba